Un estudo liderado pola investigadora de posdoutoramento do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Raquel Juan Ovejero, presenta novas evidencias sobre os efectos das plantacións de eucalipto no solo e, máis concretamente, nas comunidades de invertebrados, unha cuestión apenas analizada ata o de agora, pero que resulta fundamental para o correcto funcionamento dos ecosistemas.
Con coautores das universidades de Coimbra, en Portugal, e Estadual de Santa Catarina no Brasil, os resultados da investigación acaban de publicarse na revista científica Land Degradation & Development e agárdase “que poidan axudar de maneira notable ás persoas que se dedican á xestión forestal ao desenvolvemento de estratexias de xestión máis equilibradas, que procuren reducir os impactos ambientais das plantacións de eucaliptos e garantir a sostibilidade dos ecosistemas a longo prazo”, salienta a investigadora principal.
