“Hai un grave problema nos encoros galegos e en moitos encoros de España de eutrofización por cianobacterias, por mor das cargas de nutrientes”, asegura Isabel Pardo Gamundi, catedrática e directora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo. Pardo dirixirá un proxecto no que, xunto a outros investigadores da institución académica viguesa, se avaliarán e modelarán as cargas de nutrientes aos ríos que se derivan da actividade agrícola-forestal e de verteduras orgánicas, ademais de estudarse a resposta a estas cargas nos encoros de Portodemouros, Caldas de Reis e Forcadas. Coa finalidade de reducir a carga de nutrientes, porase ademais a punto unha metodoloxía, que, unha vez automatizada, se poida facer extensiva a todo o territorio galego dun xeito efectivo.
A sinatura dun convenio entre o reitor da UVigo, Manuel Reigosa e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, esta mañá, fará posible a posta en marcha deste proxecto que conta dun orzamento superior aos 400.000 euros e sobre o que o reitor manifestou a súa satisfacción porque permitirá “que as cousas que xorden dos laboratorios e dos grupos de investigación teñan unha utilidade práctica para a cidadanía” a través dun plan piloto que permitirá mellorar a situación do encoros galegos.
Un estudo liderado pola investigadora de posdoutoramento do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Raquel Juan Ovejero, presenta novas evidencias sobre os efectos das plantacións de eucalipto no solo e, máis concretamente, nas comunidades de invertebrados, unha cuestión apenas analizada ata o de agora, pero que resulta fundamental para o correcto funcionamento dos ecosistemas.
Con coautores das universidades de Coimbra, en Portugal, e Estadual de Santa Catarina no Brasil, os resultados da investigación acaban de publicarse na revista científica Land Degradation & Development e agárdase “que poidan axudar de maneira notable ás persoas que se dedican á xestión forestal ao desenvolvemento de estratexias de xestión máis equilibradas, que procuren reducir os impactos ambientais das plantacións de eucaliptos e garantir a sostibilidade dos ecosistemas a longo prazo”, salienta a investigadora principal.
Máis de 300 especialistas no estudo das augas doces participan esta semana en Vigo na 22ª edición do Congreso da Asociación Ibérica de Limnoloxía, unha cita que por primeira vez se celebra en Galicia e que trae á cidade a un destacado número de persoas interesadas no avance do coñecemento científico dos ecosistemas acuáticos continentais (ríos, lagoas, lagos…) e estudosos de todas aquelas cuestións que teñen que ver co avance desta materia, incluíndo a ecoloxía e a bioloxía dos organismos vinculados a estas augas tales como peixes, bacterias, insectos….
Organizado polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, o encontro inaugurouse este domingo coa participación da vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio; a presidenta do comité organizador, Josefina Garrido, e a presidenta da Asociación Ibérica de Limnoloxía, Núria Bonada.